A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou na presentación do Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago a importancia desta proba deportiva de referencia que permitirá promocionar o Camiño de Santiago neste Xacobeo 21-22 e Galicia como destino turístico seguro. De feito, nesta edición que acollerá a comarca de Arzúa a próxima semana, cambia de apelido e pasa a denominarse Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago, o que amosa unha aposta por promover o turismo da zona aproveitando a celebración do Ano Santo Dobre.
Trátase dunha proba que se celebrará o venres 4 e o sábado 5 de xuño e que se levará a cabo con tódalas medidas de prevención fronte á covid-19, contribuíndo a reforzar a idea de que Galicia é un destino seguro. Contará coa participación de pilotos de referencia ademais da implicación na súa organización do bicampeón de rallies, Luis Moya, que exerce como embaixador internacional da proba. Este deporte, adáptase ao modelo turístico galego de calidade e sustentable ao celebrarse ao aire libre en espazos abertos e en contacto co territorio en tramos polos que pasa o Camiño de Santiago.