A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu en Tordoia á entrada en servizo da nova rede de apoio aos maiores no rural denominada RedMay, coa que a Xunta leva ata a porta das casas destas persoas atencións para as que antes tiñan que desprazarse fóra das súas parroquias. Esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea e da que se beneficia unha vintena de municipios de Galicia, consiste na posta en circulación de unidades móbiles na que os maiores de 55 anos acceden gratuitamente a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e de apoio persoal.
Fabiola García explicou que RedMay é un paso máis no compromiso do Goberno galego de facer realidade a preferencia que manifestan os nosos maiores de permanecer cerca das súas casas ben atendidos, con todos os servizos ao seu alcance e nas mellores condicións. A través deste anovador programa, a Xunta achega ao carón das vivendas dos maiores que residen no rural servizos de calidade que lles fan a vida máis doada e aos que poden acceder sen necesidade de moverse das súas localidades ou contornas máis inmediata.
Os diferentes recursos que ofrecen as unidades móbiles de RedMay irán rotando en función dos diferentes concellos, con estadías de cinco días en cada un deles. En Tordoia, como en todos os municipios das provincias da Coruña e Pontevedra, os maiores dispoñen de servizos de oftalmoloxía, podoloxía e atención ao alzhéimer.