O salón de plenos do Concello de Carballo acolleu este sábado o acto de renuncia de Evencio Ferrero como alcalde

1 minutes read

Aplausos, lembranzas e moita emoción marcaron unha sesión extraordinaria este sábado no salón de plenos do Concello de Carballo para acoller a renuncia de Evencio Ferrero tras 22 anos como alcalde. Os portavoces dos tres grupos municipais tiveron palabras de agradecemento para Evencio, a quen lle agradeceron contribuír a cambiar a cara da localidade coas súas políticas. Ao termo da sesión, os membros da corporación fixéronlle entrega ao alcalde saínte dunha pintura co seu retrato e dunha peza de cerámica de Sargadelos que simboliza un carballo, árbore que lle dá nome á vila. Entre o numeroso público e autoridades, tamén estivo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen quixo acompañar a Evencio nesta data tan sinalada. Pontón sinalou o alcalde carballés como un «exemplo» do que o Bloque quere «para toda Galicia», xa que a súa xestión mostra a «capacidade» da organización para gobernar «transformando e mellorando» a vida das persoas. A dirixente nacionalista considerouno o «mellor alcalde da historia de Carballo» por facer do concello un «referente de dinamismo económico, social e cultural».

Vídeo do Pleno extraordinario celebrado este sábado_Concello de Carballo.

Evencio estivo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do futuro alcalde de Carballo, Daniel Pérez.

Evencio, no centro, cos compañeiros e compañeiras de corporación.