Dende o Club Salvamento Acuático Laracha – SAL informan dun feito deportivo de enorme relevancia para A laracha e para toda a comarca. O pasado 21 de febreiro, no Campionato Galego Infantil celebrado en Riazor (A Coruña), o club proclamouse: Campión Galego Infantil na Clasificación Xeral, Campión Galego Infantil Feminino, Campión Galego Infantil Masculino e Campión Galego na clasificación Mixta.
Conseguiron un total de 546 puntos, cunha diferenza moi ampla respecto ao segundo clasificado (387 puntos), nunha competición na que xa dende as primeiras xornadas os resultados apuntaban claramente ao liderado, confirmándose o sábado cunha actuación excepcional e histórica.
Ademais, o equipo feminino bateu o récord galego na proba de 4×50 m natación con obstáculos, establecendo unha nova marca de 2:30.45, superando o rexistro vixente dende 2015 (2:32.91). Un récord que levaba once anos sen ser superado e que agora leva o nome da Laracha.
Máis alá dos resultados deportivos, desde o Club, consideran especialmente importante poñer en valor o modelo deportivo que estamos a desenvolver. «No SAL non só traballamos para competir e gañar, senón para formar deportistas de maneira integral, educando en valores como o respecto, a igualdade real, o traballo en equipo, a responsabilidade e o compromiso social. Apostamos por un deporte que salva vidas e por unha formación que constrúe persoas», afirman.
Creemos que este éxito non é só unha vitoria do club, senón tamén da Laracha e da comarca, como exemplo de que o deporte base, cando se traballa con seriedade, planificación e valores, funciona, conclúen.