O Santuario da Barca, imaxe do cupón da ONCE

1 minutes read
  • O vindeiro xoves 3 de setembro será a presentación oficial do cupón, que sairá o martes seguinte

O Concello de Muxía e a ONCE pecharon un acordo polo que o emblemático Santuario da Virxe da Barca será imaxe do cupón da ONCE, que sairá o martes 8 de setembro. A presentación será o xoves anterior, día 3, e terá lugar na contorna do singular monumento.

O alcalde, Iago Toba, amosouse «moi contento por levar Muxía a todos os rincóns posibles», poñendo de manifesto ademais que «os cupóns da ONCE son unha icona e forman parte do erario social en toda España, e para nós é un honor que unha destas series sexa ilustrada coa nosa Barca».

Toba tamén sinalou que este cupón será «unha lembranza de por vida para todas as persoas que os adquiran», tendo en conta a suspensión das celebracións lúdicas e relixiosas relacionadas coa Romaría da Virxe da Barca para este ano, debido á incidencia da Covid-19.