O Servizo Galego de Saúde actualiza o Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos en colaboración coas oficinas de farmacia. O programa púxose en marcha en maio de 2023, co lema “Axudámosche coa tua medicación”, co obxectivo de incrementar a calidade asistencial e os resultados en saúde ao mellorar a adherencia terapéutica e a toma idónea dos medicamentos.
Inicialmente esta iniciativa estaba dirixida a persoas con pleno dereito a asistencia sanitaria e farmacéutica con cargo ao Sistema Público de Saúde de Galicia, de idade avanzada (75 anos ou máis), que vivan soas ou non teñen unha rede de apoio sociofamiliar adecuada, que tomen máis de 13 medicamentos crónicos inicialmente, e que teñan problemas de adherencia terapéutica ou dificultade para o uso correcto dos mesmos.
Unha vez posto en marcha, logo dun período inicial de andadura, e coa intención de facer chegar este servizo a un maior número de pacientes, actualizase o protocolo para modificar a poboación diana candidata ao programa, concretamente redúcese o número de medicamentos prescritos de forma crónica necesarios para poder ter acceso a prestación. Os pacientes con 10 ou máis medicamentos e que cumpran o resto dos requisitos serán candidatos na inclusión no programa.
Esta actualización foi elaborada por un grupo de traballo multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia.