O Sergas constitúe o Comité Clínico de cirurxía robótica

1 minutes read

O Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde acolleu a reunión de constitución do Comité Clínico de Cirurxía Robótica de Galicia. A implantación da cirurxía robótica en Galicia supón un avance no acceso á cirurxía laparoscópica de primeiro nivel en todo o territorio galego. Galicia dotarase de 7 robots cirúrxicos, o que situará á nosa comunidade como unha das máis avanzadas a nivel tecnolóxico dentro do territorio nacional.

A reunión, na que participaron telematicamente representantes das sete áreas sanitarias, estivo presidida polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e contou, así mesmo, coa presenza da directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.

A creación do comité clínico multidisciplinar de cirurxía robótica, de carácter consultivo, ten por obxectivo coordinar e realizar o seguimento na utilización dos robots cirúrxicos en Galicia. Nel estarán representadas todas as áreas sanitarias.

O comité estará composto polos directores xerais de Asistencia Sanitaria e Recursos Humanos do Sergas; tres persoas funcionarias de ambas direccións xerais; un representante da organización cirúrxica de cada área sanitaria; un representante de cada un dos catro grupos de traballo (cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía); así como un representante de enfermería.