O Sergas e as organizacións sindicais consensúan o diagnóstico para o I Plan de Igualdade

1 minutes read

A xuntanza da Comisión de Igualdade, da que forman parte representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, vén de presentar un documento coa totalidade da fase de diagnóstico do I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde, xunto coas liñas estratéxicas en Igualdade.

Dito informe de diagnóstico é froito dos traballos realizados pola Administración sanitaria e a representación dos traballadores e traballadoras en aras de acadar a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Sergas e, particularmente, nas políticas de xestión de recursos humanos.

A diagnose permitiu detectar as situacións de desigualdade reais ou latentes entre homes e mulleres no Sergas e, neste sentido, a Administración sanitaria presentou os eixos de actuación derivados do diagnóstico de situación, no que se inclúen medidas e accións positivas para corrixilas e así acadar a igualdade de oportunidades entre ambos sexos. Os eixos presentados son o comezo das materias a incluír no Plan, con 42 medidas propostas, quedando a Administración á espera das achegas que poidan realizar as organizacións sindicais.

Nesta diagnose previa analízanse distintas áreas da organización que comprenden dende as características xerais e estrutura do Sergas, ata a selección e a promoción profesional; a clasificación profesional; a formación; as condicións de traballo e retribucións; o exercicio dos dereitos de conciliación da vida laboral, familiar e laboral; e as situacións de especial protección como no caso de violencia de xénero.