- As probas selectivas realizaranse en Silleda (Pontevedra) esta fin de semana e ofértanse un total de 1.215 prazas
Este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos correspondentes á convocatoria do ano 2019 para a cobertura de prazas de médico de familia, odontólogo e pediatra, todas elas de atención primaria.
As probas selectivas realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra) durante a fin de semana do 29 de febreiro. Ofértanse un total de 1.215 prazas, das cales 254 son a médico de familia de atención primaria, 7 a odontólogo de atención primaria e 93 a pediatra de atención primaria, ademais de 89 na categoría de persoal enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica e de 772 para técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
O desenvolvemento deste proceso permitirá a incorporación de persoal fixo en categorías específicas do ámbito da atención primaria, dando así cumprimento ao compromiso recollido no Plan de Atención Primaria 2019-2021.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.