Esta fin de semana están a desenvolverse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, para cubrir un total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario iniciadas a fin de semana do 23 e 24 de abril. En particular, esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir un total de 389 prazas.
Así, este sábado día 7, en xornada de mañá, foron convocados os aspirantes a cubrir un total de 12 prazas da categoría de condutor. O número de aspirantes admitidos é de 657.
O sábado día 7, en xornada de tarde, están convocados os aspirantes a cubrir 239 prazas de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. O número de aspirantes admitidos é de 4.763.
O domingo día 8, ás 9:30 horas, están convocados 1.602 aspirantes para cubrir 91 prazas das categorías de calefactor (37), logopeda (4), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).
O domingo día 8 en xornada de tarde, a partir das 16:00 horas, están convocados 928 aspirantes das categorías de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e lavandeiro para cubrir 8 e 39 prazas, respectivamente.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.