O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no Parlamento de Galicia, que o Servizo Galego de Saúde vai levar a cabo unha reforma integral da Unidade de coidados intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Avanzou a intención da súa Consellería de incluír nos orzamentos de 2021 a dotación suficiente para acometer esta obra, que se levará a cabo cando non supoña un risco sanitario para os pacientes. Lembrou ademais que nese mesmo hospital, acábase de ampliar a área de urxencias cun investimento de 1,6 millóns de euros.
A día de hoxe, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago conta con capacidade para habilitar de xeito simultáneo un total de 38 camas para pacientes críticos, segundo informou o conselleiro. Delas, 23 están nas unidades de coidados intensivos (15 no Clínico e 8 no Provincial), a diferencia do que acontece noutras áreas sanitarias onde todas están concentradas nun único hospital. Estas camas foron actualizadas cunha completa renovación do sistema de monitores e telemetría. A estas, hai que engadir outras 15 camas da antiga unidade de reanimación do Hospital Clínico, ás que se dotou de novos respiradores para que puideran estar operativas en caso de ser necesario.