O SLG convocou os movementos sociais para facer unha lectura pública da Declaración de Dereitos Labregos da ONU

1 minutes read

O Sindicato Labrego Galego realizou este domingo, unha lectura pública da Declaración dos dereitos dos labregos e das labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais, que foi aprobada definitivamente o 17 de decembro de 2018 pola Asemblea Xeral da ONU en Nova York.

O acto tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Compostela, e nel participaron figuras públicas e representantes de organizacións e colectivos destacados na defensa da terra e dos dereitos humanos na Galiza. Cómpre destacar, neste senso, a presenza de Marina dos Santos, dirixente do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST).

Para o Sindicato Labrego Galego era unha tarefa importante dar a coñecer ás institucións e movementos sociais de Galicia esta Carta de Dereitos Labregos, xa que supón a primeira conquista global do campesiñado e foi o resultado dun duro traballo de case dúas décadas liderado por La Vía Campesina, movemento internacional do que forma parte o SLG.

Máis alá do seu enorme valor simbólico, esta Declaración de Dereitos Labregos pode ser unha ferramenta extraordinaria para pedir contas e esixir cambios nas políticas dos gobernos de todos aqueles países que son membros da ONU en todas aquelas loitas nas que se vulneren os dereitos do campesiñado agora recoñecidos.