- Os xuíces do Supremo tomaron a decisión por unanimidade
Este venres a Audiencia de Navarra decretou a detención e o ingreso en prisión dos cinco membros da Manada, acusados de violación.
José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Antonio Manuel Guerrero e Ángel Boza foron detidos en Sevilla, onde se presentaron nos xulgados para asinar, como todos os venres.
Os xuíces do Tribunal Supremo elevaron de 9 a 15 anos de prisión a condena contra os integrantes da Manada, ao considerar que os feitos que ocorreron durante as festas dos Sanfermíns no ano 2016 non foron abusos sexuais, senón violación. Ademais, Antonio Manuel Guerrero deberá cumprir 2 anos máis ao considerarse o furto do móbil da vítima como roubo con intimidación.
En dous xuízos anteriores, tanto na sentenza inicial da Audiencia Provincial de Navarra como o a do TSJ que a ratificou houbo votos particulares. Nesta última sentenza, houbo unanimidade por parte dos maxistrados Andrés Martínez Arrieta (presidente), Andrés Palomo, Ana Ferrer, Vicente Magro e Susana Polo (relatora). A sentenza íntegra comunicarase nos próximos días.
Ademais, a vítima terá que recibir unha indemnización de 100.000 euros e ningún dos acusados poderá achegarse a ela a unha distancia inferior aos 500 metros durante os próximos 20 anos.
O presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, manifestou en Twitter o seu apoio a esta sentenza.
