A Valedora do Pobo dimite polo nomeamento outorgado con “desviación de poder”

1 minutes read

O Tribunal Supremo deu este mércores o golpe definitivo á permanencia de Milagros Otero como Valedora do Pobo.

O alto tribunal rexeitou o recurso presentado contra a decisión do TSXG de anular o nomeamento da irmá do voceiro parlamentario PP, Pedro Puy, unha designación na que a Valedora actuara con “arbitrariedade” e “desviación de poder”, segundo a sentenza.

Ese recurso era a argumentación á que a Xunta e o PP se agarraban para defender a continuidade de Otero (“non imos tomar decisións firmes cando non hai unha sentenza firme”, afirmara a deputada Paula Prado), que defendeu no Parlamento ante as peticións de cese da oposición.
Milagros Otero decidiu dimitir nun momento no que, tras esta decisión do Supremo, xa non contaría tampouco co apoio do PP e do Goberno galego. A Vicevaledora enviou unha carta ao Parlamento poñendo o seu cargo a disposición da Cámara, pero condiciona a súa renuncia a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo sobre as persoas que a substituirán a ela e ao vicevaledor, Pablo Cameselle (proposto polo PSdeG-PSOE).
“Poño o meu cargo a disposición da Cámara. En consecuencia, prégolle que dea traslado deste escrito aos grupos parlamentarios, de xeito que no momento en que estes acorden a súa proposta para cubrir os cargos de valedor/a e adxunto/a proceda de inmediato a formalizar a miña renuncia”, di o breve escrito remitido ao presidente do Parlamento.