O Supremo ratifica a condena á CRTVG por vulnerar o dereito á folga feminista do 8M

1 minutes read

O alto tribunal, nunha sentenza emitida o pasado mes de xaneiro, confirma outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou a CRTVG pola «esquirolaxe interna» que supuxera a substitución da presentadora do Galicia Noticias, que se adheriu á convocatoria de folga do sindicato CUT, polo editor do programa co obxectivo de minimizar o impacto daquela protesta. O Supremo lémbralle á corporación dos medios públicos que «precisamente o que non permite a lei é a substitución en caso de folga» e que no caso da presentadora, ao decidir exercer o seu dereito, a situación xa non é «a corrente ou ordinaria» nunha relación laboral, senón unha «propia e específica do dereito de folga, onde o conflito vén expresado mediante medidas de presión» das que dispón o persoal «na defensa dos seus intereses». Agora, o Tribunal Supremo confirma que a CRTVG debe abonarlle á CUT unha indemnización por danos e prexuízos na contía de 15.625 euros, engadindo a obriga do pagamento das custas procesuais.