O Supremo ratifica a condena á CRTVG por vulnerar o dereito á folga feminista do 8M

1 minutes read

O alto tribunal, nunha sentenza emitida o pasado mes de xaneiro, confirma outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou a CRTVG pola “esquirolaxe interna” que supuxera a substitución da presentadora do Galicia Noticias, que se adheriu á convocatoria de folga do sindicato CUT, polo editor do programa co obxectivo de minimizar o impacto daquela protesta. O Supremo lémbralle á corporación dos medios públicos que “precisamente o que non permite a lei é a substitución en caso de folga” e que no caso da presentadora, ao decidir exercer o seu dereito, a situación xa non é “a corrente ou ordinaria” nunha relación laboral, senón unha “propia e específica do dereito de folga, onde o conflito vén expresado mediante medidas de presión” das que dispón o persoal “na defensa dos seus intereses”. Agora, o Tribunal Supremo confirma que a CRTVG debe abonarlle á CUT unha indemnización por danos e prexuízos na contía de 15.625 euros, engadindo a obriga do pagamento das custas procesuais.