O Supremo tomba un novo recurso da Valedora do Pobo

1 minutes read

A nova providencia emitida polo Supremo rexeitando por segunda vez as pretensións da Valedora evidencia novamente que a renuncia ao cargo que esta presentou a principios de abril tras coñecerse a primeira decisión do alto tribunal non foi tal xa que ao tempo seguiu recorrendo contra a decisión xudicial.


Nunha nova providencia con data do pasado xoves 16 de maio o Supremo inadmite a trámite o incidente de nulidade da Valedora por considerar que a súa providencia previa rexeitando o recurso “axústase integramente ás esixencias” legais.


O Supremo insiste en que a sentenza orixinal do TSXG anulando o proceso que lle deu a praza a Puy Fraga “examina con detalle” a xurisprudencia existente sobre ese tipo de procedementos e non ten sentido que o alto tribunal volva a analizar o caso.


A nova providencia do Supremo engade que a Valedora non acredita que o alto tribunal rexeitase o seu recurso previo de xeito irrazonable, arbitrario ou sen xustificación e insiste na “falta de motivación na designación” de Puy Fraga como elemento fundamental da sentenza orixinal do TSXG.

Esta nova providencia do Supremo contraria aos intereses de Otero chega mentres o PP segue demorando as necesarias conversas co resto de grupos parlamentarios para nomear un novo valedor ou valedora, que require dunha maioría reforzada do Parlamento de Galicia. Mentres, Otero segue a exercer como Valedora do Pobo.