O teléfono de axuda municipal de Santiago atendeu 2.050 chamadas dende a súa posta en marcha

1 minutes read
  • A maioría das chamadas eran para solicitar tíckets especiais de compra

O teléfono de axuda municipal, o 010, xestionado en Santiago polos voluntarios de Protección Civil, atendeu 2050 chamadas desde a súa posta en marcha o 19 de marzo e ata o día 1 de maio.

Do total de chamadas, 1.183 foron solicitando participar no programa de atención social a través do tícket especial de compra, que busca facilitar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade a aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade.

Dende o inicio do servizo xa se repartiron preto de 3.100 tíckets a case 1.170 familias, o que supón algo máis de 3.060 persoas atendidas con este recurso. En total, chamaron ao 010 1.574 persoas sen recursos.

O segundo maior número de chamadas refírese á solicitude de alimentos (380), que os propios voluntarios de Protección Civil se encargan de repartir directamente.

Teléfono 010
O Concello ten habilitado o teléfono de asistencia social á veciñanza 010 para a atención a persoas en situación de vulnerabilidade:

  • Persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada.
  • Persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade.
  • Persoas con problemas de saúde crónica e/ou persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
  • Ausencia de apoio familiar e/ou social.
  • Inadecuada rede de apoio familiar e/ou social
  • En situación de fraxilidade por dispoñer de factores de risco sanitario.

Horario de funcionamento do 010: de 8.00 h a 20.00 h.