O temporal deixou máis de 500 incidencias en Galicia no último día do ano

2 minutes read

O 112 Galicia rexistrou un total de 591 incidencias por meteoroloxía adversa dende o comezo do día, case a metade delas relacionadas coa presenza de árbores ou pólas nas vías de circulación (289), 115  coa prevención de riscos −postes de iluminación ou carteis e tellados a piques de caer, por exemplo; 50 coa caída de cables, 35 con restos de accidentes e outros obstáculos, e 30 con postes de telefonía ou da luz sobre a calzada.

O resto das incidencias quedan repartidas dentro de tipoloxías que inclúen, entre outros, os riscos de derrubamento (10). Neste senso, parte dunha casa abandonada caeu sobre a finca dun particular na rúa Piñón de Dodro, sen causar danos persoais. Frecuentes foron tamén os desprendementos de elementos pertencentes a edificios: ás 12:30 horas, un particular informaba ao 112 de que caera parte da fachada dun edificio situado na rúa de Alexandre Bóveda, en Vilagarcía.

En Ferrol, levantouse a cuberta de uralita dun edificio de nove plantas, e na rúa Campo das Rubas, localizada na Illa de Arousa, os Bombeiros tiveron que intervir porque un tellado se soltara debido aos efectos do vento.

Os servizos de emerxencias tiveron unha importante carga de traballo a fin de restablecer e garantir as condicións de seguridade en moitos puntos da comunidade. En Vimianzo, pasadas as 15 horas, un membro dos Bombeiros de Cee atopábase retirando parte do tellado dunha nave do polígono do municipio cando se mancou na cara, tralo que precisou asistencia sanitaria.

A provincia máis afectada foi a da Coruña, na que se rexistraron 343 incidentes a causa do vento e da chuvia, seguida de Pontevedra (121), Lugo (106) e Ourense (20). Ademais, a maioría dos avisos tiveron que ver con incidencias nas estradas, 158 só nos municipios da Coruña, 73 nos de Lugo ou 49 nos de Pontevedra.

En canto aos concellos máis castigados polo temporal, na provincia da Coruña destacaron Narón, con 17 incidencias contabilizadas, Santiago con 15 ou Carballo e Oleiros con 14; en Lugo, A Pontenova (12) ou Becerreá (8); na provincia de Pontevedra, Vigo (14) ou Vilagarcía, Nigrán, Lalín e A Estrada (9) ; e en Ourense, a capital e San Cristovo de Cea, ambos con 3 casos.