Gran fin de semana internacional para o triatleta da A.D. Fogar Andrés Prieto Villar (Oleiros, 2003), que competiu en Roma representando á Selección Española de Tríatlon na prestixiosa cita da World Triathlon Cup, celebrada os pasados 3 e 4 de outubro.
O deportista do club carballés tivo a oportunidade de medirse á elite mundial do tríatlon nunha fin de semana de máxima esixencia, sumando unha nova e moi valiosa experiencia internacional ao seu palmarés deportivo.
Na xornada do sábado, Andrés tomou parte na proba Elite masculina, nunha carreira marcada polo altísimo nivel competitivo e polo ritmo frenético desde os primeiros metros do segmento de natación. Nunha proba que dominou con autoridade o campión olímpico Alex Yee (GBR), o triatleta da A.D. Fogar completou unha sólida actuación para finalizar na 52ª posición da clasificación xeral.
Sen apenas tempo para a recuperación, o domingo chegou a quenda das Remudas Mixtas, unha das modalidades máis espectaculares do programa. Andrés Prieto formou parte do cuarteto da Selección Española, que protagonizou unha gran actuación para cruzar a liña de meta na 10ª posición da clasificación global.
A vitoria foi novamente para o combinado do Reino Unido. Desde a A.D. Fogar queren felicitar a Andrés pola súa entrega, constancia e compromiso durante toda a fin de semana, así como por levar o nome do club aos grandes escenarios do tríatlon internacional.
