O apagamento do Cumbre Vieja evidencia a titánica tarefa pendente de reconstruír A Palma. Un día despois de que as autoridade decretasen o final da erupción, que durou 85 días, os turistas seguiron chegando á illa. «Aínda que sexa unha catástrofe, ten que traer beneficios a longo prazo e o feito de ter un volcán recente pode ser un elemento beneficioso para A Palma a longo prazo», asegura un deles.
Pero a realidade é menos optimista para os palmeiros. Sete mil persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares e case 1400 casas quedaron destruídas. Ademais, a lava cubriu 1.250 hectáreas de terreo, gran parte de bananeiros que son, xunto ao turismo, a principal fonte de ingresos do territorio. «Para eles é bo porque están a ver algo que é único, pero para nós é doloroso todo o que deixou enterrado», subliña unha local.
O Goberno rexional estima as perdas nuns 900 millóns de euros. E segue en marcha a tarefa de limpeza das cinzas, que podería durar anos. A pesar da melloría da situación o risco persiste, como detalla a vulcanóloga Carmen López: «Aínda hai sismicidade e continuará durante moito tempo. Hai que establecer redes para vixiar estes contidos de gases». O Executivo español mobilizou ata o de agora 225 millóns de euros en axudas. Pero unha parte da poboación quéixase da lentitude na resposta á emerxencia.