O vimiancés, Gabriel Castiñeira Pais, converteuse no gañador absoluto do XII Duatlón de Reis. Este veciño, que competiu co Club Tríatlon Costa da Morte -campión galego por equipos-, acadou o primeiro posto nun tempo de 1:23:04. Na categoría feminina, María del Mar Delgado González -Club Tríatlon Ferrol- foi a primeira en alcanzar a liña de meta cun tempo de 1:48:55.
Nin sequera as condicións climatolóxicas adversas puideron botar atrás aos 120 deportistas que se deron cita, este domingo, no municipio. Desde o Concello de Vimianzo agradeceuse “o éxito asinado nunha edición tan particular como esta”, na que as inscricións para participar se esgotaron en tan só dúas horas.
Como novidade con respecto a outros anos, e por protocolo COVID-19, os e as deportistas saíron de dous en dous cada vinte segundos, garantindo, en todo momento, a distancia de seguridade.
Ademais dos dous gañadores en ambas as categorías -masculina e feminina-, o Duatlón de Reis contou coa participación de deportistas da talla de María Martínez, campioa absoluta feminina do XI Duatlón de Reis 2020; David Calzas ou Marcos Mallo, campión galego.