O vindeiro xoves, 19 de novembro, finaliza o prazo para solicitar o voto por correo

2 minutes read

Os electores que decidan votar por correo poden solicitar ata o día 19 de novembro (inclusive) o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse por vía online a través da web www.correos.es ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.

Solicitude de voto por correo telemática
Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, o interesado debe acreditar a súa identidade mediante autenticación e sinatura electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria na súa lista de prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza ou o DNI electrónico (DNI-e).

Solicitude de voto en oficinas
A solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade –acreditada mediante certificación médica oficial- que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso, pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarial ou consularmente.

No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou permiso de conducir orixinais.

Co obxectivo de axilizar os trámites e evitar esperas, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da app, a web de Correos ou a Oficina Virtual. Para iso, o elector tan só debe seleccionar a oficina dispoñible que teña cita previa e elixir o día e a hora que máis lle conveñan.

Correos entrega as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral, quen está enviando aos solicitantes, desde o 9 de novembro, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo.

Lémbrase ás persoas que soliciten o voto por correo que esa documentación recibirana na dirección que indiquen na solicitude, que non ten por que coincidir co seu domicilio habitual.

Unha vez presentada a solicitude vía web ou presencial, se é aceptada pola Oficina do Censo Electoral, non se poderá votar na mesa electoral o día das Eleccións Xerais.

O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 25 de novembro de 2026.