O xeo volve a causar accidentes nas estradas galegas

2 minutes read
  • Houbo varias saídas de vía e un autobús de liña tivo que deter a súa marcha

O 112 Galicia tivo coñecemento de varios accidentes nas estradas galegas debido ao xeo nas mesmas. Un exemplo foi a saída de vía de dous vehículos cando circulaban pola DP350 ao seu paso por Belelle, no municipio coruñés de Fene. O suceso produciuse preto das cinco da mañá.

Un dos coches afectados caeu a un regato cun ocupante a bordo que, non obstante, foi quen de saír do coche sen axuda.

Os xestores do 112 Galicia informaron da situación aos axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén ao equipo de limpeza e mantemento da Deputación da Coruña.

Accidente contra un garaxe en Samos

Un vehículo bateu contra unha vivenda e causou danos nun garaxe anexo na parroquia lucense de Renche, en Samos. O ocupante saíu do coche polos seus propios medios, pero precisou asistencia médica.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos sobre as 8:30 horas deste sábado grazas aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. No operativo tamén participaron os Bombeiros de Sarria para retirar os elementos danados do garaxe e poder asegurar a estrutura.

Saída de vía dun camión do lixo en Narón
Minutos antes, en Narón, un camión do lixo tamén se saíu da vía cando circulaba pola AC112, á altura de Doso. Malia que foron informados os bombeiros da localidade, o condutor conseguiu saír polos seu propios medios, aínda que necesitou asistencia médica por unha lesión nunha man.

Ao lugar acudiu unha patrulla da Policía Local, así como dos axentes da Garda Civil de Tráfico que, por precaución, solicitaron medios para o esparexemento de sal co fin de previr accidentes por posibles placas de xeo.

O xeo impide continuar a un autobús de liña en Vimianzo
Certamente, o xeo está a dificultar a circulación, especialmente por vías secundarias, nas que cómpre extremar a precaución co fin de evitar accidentes. Un condutor de autobús de liña tivo que deter a súa marcha pola AC441, en Baíñas, Vimianzo, ante a imposibilidade de seguir circulando pola presenza de xeo na estrada.