O xeodestino Arousa Norte contará con 60.000€ para o seu desenvolvemento turístico


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión de traballo cos representantes da mancomunidade de municipios da ría de Arousa zona norte, que preside actualmente o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

No encontro o representante do Goberno autonómico informoulles do recente convenio asinado con esta mancomunidade que contempla un investimento de 48.000 euros para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo. Pola súa parte, a mancomunidade tamén levará a cabo unha achega de 12.000 euros.

Trenor destacou que este apoio económico permitirá a promoción do turismo náutico e gastronómico dos concellos. Concretamente, no eido do turismo náutico apoiarase a creación dun equipamento dunha rede de bases náuticas e no eido gastronómico promocionarase a marca A Conserva a Orixe e a organización do evento Barbanza Arousa+Que Tapas.

O convenio tamén contempla a posta en valor do Camiño do Barbanza. A Orixe. Ademais, inclúe a proposta de elaboración dun produto turístico de calidade para esta zona, a creación dun banco fotográfico e a asistencia a feiras turísticas.