Cristina Fernández -primeira muller fareira de Galicia e segunda de España-, a Asociación Íntegro e a Fundación María José Jove, recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán na cuarta edición destes premios. O xurado vén de fallar estes galardóns cos que a Xunta recoñece o labor de todas elas para construír unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.
Cristina Fernández foi recoñecida cunha das medallas deste ano pola súa traxectoria profesional, como primeira fareira de Galicia e segunda de España. Esta muller leva 48 anos como gardiá do faro de Cabo Vilán, o primeiro que funcionou con luz eléctrica en todo o Estado, e que está situado nun dos puntos de navegación máis complicados na Costa da Morte. Fernández é fareira desde 1977 tras aprobar en 1972 a primeira oposición na que puideron tomar parte as mulleres.
A asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños (A Coruña), pola súa banda, resultou distinguida polo seu traballo con mulleres con discapacidade en favor da inclusión social e a igualdade. A entidade conta trinta anos de traxectoria e dispón dun centro de día e outro de carácter ocupacional. A misión que desenvolve na Costa da Morte destaca polo seu compromiso social, a igualdade, a defensa dos dereitos, a participación social ou a mellora continua, entre outros valores. Entre as súas iniciativas, desenvolve desfiles de moda inclusivos, programas de fomento da empregabilidade, de empoderamento para as mulleres e conta cun centro especial de emprego. Íntegro conta co recoñecemento como Entidade de Utilidade Pública. O xurado valorou positivamente a integración nos seus programas da perspectiva de xénero de xeito transversal. Tamén o establecemento de medidas de conciliación entre o seu persoal, integrado nun 87,5% por mulleres.
No caso da Fundación María José Jove, a Medalla Pardo Bazán quere poñer en valor o traballo que desenvolve con menores expostos a situacións de violencia de xénero que ten como un dos seus eixos principais o desenvolvemento de terapia con animais (cans) nas áreas metropolitanas de Betanzos, Curtis, e Cambre, na provincia da Coruña. Trátase de crear un ambiente de seguridade para que os e as menores poidan relatar as súas vivencias e facer unha aprendizaxe emocional. A entidade desenvolve unha experiencia piloto a nivel estatal de acompañamento xudicial asistido con cans desde o ano 2019. A intervención coas rapazas e rapaces que sofren violencia de xénero pretende paliar as consecuencias e/ou alteracións producidas por esas vivencias. Desde o ano 19 atendeuse a través deste programa a 85 menores. A Fundación María José Jove nacida en memoria de María José Jove, tras o seu falecemento en 2002, está presidida por Felipa Jove, considerada unha das 100 mulleres máis influíntes de Galicia.