Obras de mellora no auditorio da Casa da Cultura da Laracha

2 minutes read

O Concello ten en fase de execución unha serie de actuacións de mellora no auditorio da Casa da Cultura, o principal espazo escénico do municipio, co obxectivo de modernizar as instalacións e ofrecer unha experiencia cultural máis inmersiva e de maior calidade tanto para o público asistente como para as compañías e artistas que protagonizan a programación municipal.

Entre as intervencións máis destacadas atópase o pintado en ton negro dos paramentos, teitos, barras e estrutura da pantalla do escenario. Esta actuación permitirá dotar ao espazo cun fondo neutro que favorecerá o traballo dos escenógrafos e directores artísticos ao ofrecerlles unha maior liberdade á hora de configurar o que verá o público.

O auditorio tamén será dotado cunha nova mesa de mesturas dixital, proxector e focos de iluminación, contribuíndo así a mellorar a experiencia visual e emocional das representacións. A mesa de son instalarase na parte traseira do patio de butacas para optimizar o labor de produción das compañías teatrais e mellorar a calidade técnica das funcións e espectáculos que se programen no auditorio.

Ademais, eliminaranse as barreiras arquitectónicas mediante a incorporación dunha plataforma vertical de curto percorrido que permitirá superar con comodidade as diferenzas de altura existentes entre o patio de butacas e o escenario. Ao tratarse dun equipamento móbil, poderá ser trasladado e utilizado noutras infraestruturas municipais cando sexa preciso.

O investimento total destas melloras ascende a 25.000 euros, que serán cofinanciados polo Concello da Laracha e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Con este proxecto, o Concello reafirma a súa aposta por ofrecer na Laracha unha programación cultural ampla, diversa e de calidade nunhas instalacións como as da Casa da Cultura que serán máis confortables e accesibles e estarán mellor equipadas audiovisualmente para que o auditorio continúe sendo un referente no municipio para o encontro coa música, o teatro, as artes escénicas e outros eventos de interese.