Obras de mellora no Centro de Recursos de Íntegro para reforzar a atención a persoas con diversidade funcional

1 minutes read

A asociación Íntegro vén de iniciar o proxecto “Obras de mellora do Centro de Recursos Integro”, no concello de Cabana de Bergantiños, co obxectivo de ofrecer un espazo máis funcional e adaptado ás necesidades das 46 persoas usuarias, na súa maioría con discapacidade intelectual, procedentes das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

As actuacións previstas inclúen a ampliación de varias estancias, como o comedor e o ximnasio, así como a reubicación da aula que funciona como centro de día. Esta última será trasladada a unha nova localización que contará con ventilación e iluminación natural, mellorando notablemente a comodidade e calidade do servizo prestado.

O proxecto está financiado maioritariamente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, grazas aos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas contribuíntes que marcan a opción 106 de “Actividades de Interese Social” na declaración da renda. A subvención, que cubre o 90% do gasto,  xestionouse a través de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), entidade da que Íntegro forma parte.

Desde a súa fundación en 1992, Íntegro traballa pola inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. A entidade, sen ánimo de lucro, xestiona un Centro de Día e un Centro Ocupacional que dan resposta a necesidades asistenciais, formativas e ocupacionais, sempre desde unha perspectiva de dignidade, autonomía e igualdade de oportunidades.