Oito empresas presentan ofertas á Xunta para o cambio de cuberta do CPI O Cruce de Cerceda

1 minutes read

A Xunta de Galicia recibiu ofertas de oito empresas para executar a obra de cambio de cuberta do Centro Público Integrado Plurilingüe O Cruce, de Cerceda, licitada por máis de 500.000€. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizará agora as propostas para proceder á adxudicación da actuación e á súa posterior execución. As empresas aspirantes son as sociedades limitadas Construcciones Iglesias Mera, Cies Obra Civil, Coto Estudios y Construcciones, Covisam Norte, Javier Fidalgo, Novavial, Wetcon Tecnologías del Agua e Iam Rumbo Instalaciones y Obras.

O obxectivo da intervención é mudar a parte das cubertas que aínda non foron renovadas, un total de 2.135 m². Ao igual ca nas xa substituídas, empregarase un panel sándwich de 30 mm de espesor colocado sobre una subestrutura metálica de pórticos e correas apoiados sobre forxado existente, con illamento baixocuberta de poliestireno.

Modificarase algunha das cubertas (especificado en planos) pasando de ser de un auga a dúas augas, respectando en calquera caso a pendente existente, e colocaranse canlóns e baixantes novas.

A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.