Oito menores resultaron feridos leves tras producirse unha colisión entre un camión baleiro e un autobús escolar na PO-325, entre os quilómetros 4 e 5, ao seu paso por Oia, en Vigo. O accidente tivo lugar arredor das 09:20 horas deste venres.
Foi un particular implicado no accidente quen contactou co 112 Galicia para informar do sucedido. Segundo explicou, no interior do autobús viaxaban uns 26 menores e, nun primeiro momento, non parecía haber persoas feridas. Porén, minutos despois, volveu chamar para solicitar asistencia sanitaria para atender posibles feridos.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil.
Finalmente, segundo trasladaron os equipos de emerxencia desprazados ao lugar, oito menores resultaron feridos, todos eles con traumatismos de carácter leve.
