Once persoas feridas este sábado en 4 accidentes en Galicia

2 minutes read

Once persoas resultaron feridas de diversa consideración en catro accidentes rexistrados durante a tarde deste sábado en diferentes puntos de Galicia.

Só nunha ocasión deberon intervir os bombeiros para sacar a un ferido atrapado no interior dun coche que bateu contra un muro en Miño. Trátase dun sinistro que tivo lugar na N-651, ao paso pola parroquia de Leiro, a onde se desprazaron os Bombeiros de Betanzos tras recibir o aviso do 112 Galicia sobre un accidente que deixou un total de dúas persoas feridas.

Ocorreu pouco antes das cinco da tarde deste sábado e, ademais dos efectivos do parque comarcal, actuaron os porfesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender aos feridos cando os bombeiros lograron extraer a porta do vehículo que estaba bloqueda.

Así, unha ambulancia trasladou aos dous ocupantes ao centro hospitalario de referencia, mentres, aínda no lugar do sinistro, o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento se encargaba da retirada dos danos provocados e restablecía as condicións de seguridade na vía.

Pero non foi o único accidente que se rexistrou na localidade coruñesa este sábado. Na DP-4803, en Perbes, atendían a outra persoa que resultou ferida tras unha colisión entre dous vehículos. Interviñeron os servizos sanitarios de urxencia e os axentes da Policía Local, xuntos cos voluntarios de Protección Civil.

Motorista ferido en Lugo
Por outra banda, o 112 Galicia recibiu pouco antes do mediodía un aviso por mor dun choque entre un turismo e unha moto na Avenida da Coruña, en Lugo. Como consecuencia do impacto, o motorista resultou ferido e necesitou asistencia por parte dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Cómpre sinalar que os particulares que chamaron ao 112 Galicia para dar conta desta situación indicaban que o motorista necesitaba axuda urxente. A maiores dos profesionais sanitarios, desde o 112 Galicia informouse aos axentes da Policía Local e avisouse aos bombeiros da cidade. Non obstante, o ferido estaba liberado e accesible.

Sete feridos en Vigo
Por último, indicar que sete persoas foron atendidas en Vigo despois de que un autobús urbano sufrise un accidente na Gran Vía.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os feridos presentaban lesións de diversa consideración, aínda que maioritariamente, eran leves. Todos foron conducidos a diferentes centros hospitalarios para somerterse ás correspondentes revisións médicas.