Ortiga regresa a ritmo de merengue coa confesión ‘Le Hice el Seso a Tu Novio’

1 minutes read

A mocidade festeira está de sorte: despois de tres anos, Ortiga lanza un novo tema en solitario. ‘Le Hice El Seso A Tu Novio‘ é unha das cancións con máis ritmo do seu terceiro disco. Tras o éxito que compartiu con Pili Pampín, o artista regresa cun pegadizo merengue que é unha oda ao amor non posesivo e ás dinámicas amorosas dos tempos que corren. O tema colle aínda máis forza cos instrumentos e coros da histórica Orquestra Los Satélites.

‘Le hice el seso a tu novio’, pero cuando no era tu novio, así que no hagas el tonto, y bájale una al agobio” é o que se pon de manifesto neste tema. Así, o músico compostelán fai un chamamento á calma e tranquilidade emocionais. Estas circunstancias levan ao cantante a un xuízo ficticio que se recolle nun provocativo videoclip inspirado no reality Caso Cerrado. Unha estética retro envolve o escenario do programa Algo Farías!, no que Ortiga debe defender a súa inocencia ante un recoñecido xuíz: Lito da Panorama. Acusacións, probas e sorpresas recrean un dramático pleito no que tampouco falta o baile. Todo isto ilústrase nun videoclip dirixido por Xaime Miranda (realizado cas axudas de Girando Por Salas GPS14 e financiado por INAEM).