Este sábado púxose en marcha a nova campaña de voluntariado ambiental #SúmateáCorrente da Asociación Ecoloxista ADEGA que se inclúe dentro do emblemático Proxecto Ríos. Foi unha xornada de portas abertas, organizada pola entidade ecoloxista xunto co Concello de Zas, que se desenvolveu na contorna da Carballeira de Baio.
Acompañados dun grupo de veciños e veciñas, os técnicos de ADEGA analizaron a calidade das augas do río Grande no tramo comprendido entre a Praza Jorge Mira Pérez e a Carballeira de Baio. Durante a xornada identificouse a flora típica de ribeira, onde hai unha alta presenza de especies autóctonoas; analizouse a calidade físico-química da auga e realizouse o índice de macroinvertebrados. Como resultado, todos estes valores “constatan a boa calidade das augas”.
Segundo indicaron os técnicos, as diferentes especies detectadas son uns claros bioindicadores das augas. Durante a xornada detectáronse catro, cando o habitual son tres, familias de insectos acuáticos usadas como marcadores da calidade das augas pola súa sensibilidade á contaminación. Segundo indica o Alcalde, Manuel Muíño, que tamén asistiu á xornada, medíronse outros valores químicos como o pH, o oxíseno, os nitratos e a temperatura da auga nos que se obtivo uns niveis óptimos. O programa continúa grazas ao compromiso de dúas voluntarias ambientais que recollerán de forma periódica distintas medicións co fin de analizar a saúde das augas.
Os técnicos de ADEGA explicaron todas as actividades e obxectivos do emblemático Proxecto Ríos que busca unir ríos e persoas.