Os Bolechas presentan un novo título dedicado ao Museo do Mar de Galicia

Arquivo.

O libro Os bolechas, no Museo do Mar de Galicia, está editado co apoio da Xunta e co selo da Editorial Bolanda. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Valentín García, sinalou este volume como “unha oportunidade para que os máis pequenos se embarquen dun xeito lúdico e didáctico no coñecemento da actividade mariñeira, de vital relevancia económica e social non só para a cidade de Vigo, senón tamén para o conxunto da Comunidade”.

No acto de presentación, que se desenvolveu no centro museístico, os Bolechas estiveron acompañados por numerosos nenos desexosos por descubrir o mundo do mar e os tesouros que a propia entidade agocha no seu interior. Así mesmo, participou a directora do Museo do Mar de Galicia,  Marta Lucio.

Valéndose das pezas museísticas expostas, Os Bolechas desentrañan polo miúdo neste libro o universo do mar, navegando entre as profesións a el vinculadas, as tipoloxías de embarcacións e aparellos existentes e as especies de animais mariños características de Galicia.