A Xunta e os concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra acordaron reducir o consumo de auga e afrontar o actual episodio de ‘prealerta por escaseza’ con información, coordinación e responsabilidade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión de traballo con eles para abordar esta situación.
No que se refire ás medidas tratadas na reunión, a conselleira destacou o consenso acadado entre os municipios para restrinxir ao máximo o uso innecesario da auga e adoptar medidas de xeito unánime, garantindo esa necesaria coordinación para asegurar o abastecemento á poboación.
Acordouse que é imprescindible suprimir baldeos, regas de xardíns, lavapés e duchas nas praias, o enchido de piscinas, o lavado de coches, as fontes ornamentais e actividades lúdicas que malgasten a auga.