Os concellos galegos emiten máis de 3.300 denuncias relacionadas coa covid

1 minutes read
Declaración da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou este venres nun webinar cos 174 concellos adheridos ao convenio asinado entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para axudar aos pequenos e medianos concellos con menos recursos a tramitar as sancións sobre incumprimentos relacionados coa covid-19 de competencia municipal.

Durante o encontro, informoulles de que xa se recibiron máis de 3.300 denuncias das que xa están enviadas aos concellos para a súa sinatura o primeiro bloque de máis de 300 acordos de inicio relativos aos expedientes sancionadores. O incumprimento do uso obrigatorio da máscara, tanto na rúa como no interior de establecementos ou na circulación en vehículos con persoas non convivintes, é a infracción máis frecuente entre todas as denuncias recibidas respecto doutras que tamén son competencia municipal, como os aforos máximos, o incumprimento dos horarios de peche ou o consumo de alcohol na rúa.

Debido a que, segundo o Real Decreto Lei que regulou a nova normalidade, non respectar o uso obrigatorio de máscara pode ser sancionado con ata 100 euros, os 300 acordos enviados polo momento poden supoñer sancións ata un importe total de 30.000 euros, en función das circunstancias de cada caso.

Deste xeito, unha vez que estes acordos de inicio sexan remitidos polos concellos logo de ser asinados, as unidades tramitadoras da Xunta procederán á súa notificación aos presuntos infractores, como se fará de xeito inmediato cos primeiros acordos xa asinados.