Os Concellos poden acollerse á nova orde de axudas para a creación de prazas nas súas escolas infantís


Durante un mes está aberto o prazo para que os Concellos soliciten acollerse á nova orde de axudas para a creación de prazas en escolas infantís de titularidade municipal. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou os requisitos e trámites a seguir para beneficiarse destas subvencións ás que se destinan 34,8 millóns de euros e que teñen como obxectivo impulsar o número de prazas no primeiro ciclo de educación infantil. Esta convocatoria está financiada pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A través deste programa, dirixido ás administracións locais, estímase que se porán en marcha arredor de 3400 novas prazas de 0 a 3 anos, un 11% máis das que existen na actualidade. Financiaranse aquelas prazas creadas desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 15 de setembro de 2024. Polo tanto, aqueles Concellos que desde comezos do ano pasado xa crearan novas prazas, e o xustifiquen, poden recibir financiamento.

En concreto, as axudas convocadas por medio desta orde abranguen as seguintes actuacións: a construción de novas escolas infantís; a ampliación das xa existentes para habilitar novas aulas ou a reforma e rehabilitación de edificios para adaptalos aos usos propios dun centro educativo para nenos de 0 a 3 anos. Os Concellos terán que presentar obrigatoriamente as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario que teñen dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.