Os dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia axudarán ás pemes a avanzar na fábrica intelixente e o big data

1 minutes read

A creación dos dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia, que estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como a internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida. Prevese que estes proxectos, liderados respectivamente polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), estean plenamente operativos a partir do ano 2020, co obxectivo de estender o impacto positivo da innovación ás pequenas e medianas empresas galegas.

Os Hubs de Innovación Dixital funcionan como unha xanela única de capacidades tecnolóxicas na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento galegos ofertan ás pemes, achegando tamén apoio integral para levar os produtos e servizos innovadores ao mercado. Trátase dunha nova forma de estruturar o ecosistema de I+D+i, que permite facer un mellor uso e aplicación dos recursos existentes, conectar mellor o coñecemento disruptivo e a industria; e impulsar a dixitalización das pemes para que sexan máis competitivas e gañen tamaño.

Coa creación destes dous polos de innovación, tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes, Galicia avanzará en tecnoloxías como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos e o big data, a ciberseguridade ou a computación na nube.

O proxecto impulsado por Ceaga beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil, mentres que o impulsado por Bioga prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.