A plataforma educativa Educa e a Obra Social Abanca entregaron na Sede Afundación da Coruña os IX Premios Educa Abanca aos mellores docentes de España. Tamén houbo un recoñecemento especial aos finalistas, e, en total, 61 profesionais foron distinguidos «polo seu compromiso e excelencia». En Educación Secundaria a docente recoñecida foi Fina Paulos Lareo, profesora do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas), mentres que no apartado de Formación Profesional alzouse co galardón Óscar Manuel Rey Calo, tamén do IES Maximino Romero de Lema. Cada un recibiu unha figura conmemorativa EDUCA, un diploma acreditativo e un premio en metálico. No acto, ao que acudiron preto de 300 persoas entre premiados, docentes e representantes institucionais, entregouse a mención honorífica á traxectoria docente a Jose Luís Marín Carbonell, docente falecido na dana de 2024 e fundador dos Colexios Siglo XXI de Valencia.
7