Os galegos poderán autorizar a terceiros a realizar os seus trámites dixitais coa Xunta

1 minutes read

Os galegos poderán autorizar a unha terceira persoa ou a un funcionario público a realizar trámites dixitais en nome doutra persoa no último trimestre do ano. A articulación desta fórmula recóllese no Decreto que regulará o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos da Comunidade e cuxo prazo de exposición pública acaba de abrirse. É un dos pasos previos para a súa a aprobación no último trimestre do ano, no que se prevé que estea operativo.

O Rexistro é un instrumento que facilita aos cidadáns a acreditación, ante os órganos do sector público de Galicia, dos apoderamentos que vai conceder para que realicen as xestións online coa Xunta no seu nome. As solicitudes de apoderamento poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial nas oficinas de atención e rexistro da Administración autonómica.

O Rexistro electrónico xeral de apoderamentos estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, onde constará a relación dos trámites e procedementos da Guía de procedementos e servizos que poden ser obxecto de apoderamento. Así mesmo, as persoas interesadas poderán consultar os apoderamentos inscritos nos que figuren como outorgantes ou apoderados e o alcance de cada un deles.

O apoderamento terá unha vixencia máxima de cinco anos durante o cal a persoa poderá revogalo e o apoderado tamén poderá renunciar á representación.