O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do Proxecto de Lei de administración dixital de Galicia, que permitirá consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais.
Logo de precisar que o novo texto inicia o seu trámite parlamentario tras o período de exposición pública, e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais, Feijóo asegurou que esta lei permitirá acadar un marco normativo único, baseándose en tres principios: só unha vez, é dicir, evitará reclamar datos que xa ten a Administración; proactividade, isto é, empregarase a información que a Administración ten para prestar servizos personalizados e adiantarse ás necesidades do cidadán; e automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
Como outra das principais novidades, o presidente da Xunta subliñou que as oficinas de rexistro e atención á cidadanía transformaranse en espazos de asesoramento e apoio, axudando aos cidadáns nas xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación, como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.