Os móbiles quedarán prohibidos nos centros escolares a partir do día 8

1 minutes read

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anunciou este xoves o novo protocolo para o uso de dispositivos móbiles nos centros escolares sostidos con fondos públicos, que entrará en vixencia o vindeiro luns 8 de xaneiro, coincidindo coa volta ás clases, a excepción da FP ou réximes especiais.

O punto principal deste protocolo actualiza a normativa en vigor dende o 2015, que establece a prohibición dos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación na “totalidade da xornada escolar”. Isto inclúe tamén os “períodos non lectivos”, como son as entradas e saídas, recreos, comedores e actividades complementarias e extraescolares.

Os centros poderán “establecer excepcionalmente normas para a correcta utilización” destas tecnoloxías como “ferramenta pedagóxica” e sempre “supervisada polo profesorado”.

O alumnos poderán empregar o móbil de modo “proporcionado e razoable” en situacións de necesidade, como poden ser as “médicas ou doutra índole”. Este uso debe estar xustificado polas circunstancias e sexa autorizado pola direccioón ou polo profesorado.

No último punto, tamén se establece o matiz de que o protocolo poderá non aplicarse en ensinos de Formación Profesional de grao superior, de réximes especiais como nas escolas oficiais de idiomas, e de adultos.

Os servizos de Inspección Educativa serán os encargados de prestar o asesoramento necesario aos centros e de supervisar a adaptación á normativa.