Os museos da Xunta ofrecen máis de 50 actividades para escolares este trimestre


Os museos xestionados pola Xunta de Galicia veñen de iniciar a súa programación didáctica deste trimestre con máis de medio cento de actividades, entre visitas, obradoiros e teatralizacións para os escolares galegos que teñen como obxectivo divulgar as súas coleccións e exposicións de xeito ameno e participativo. Trátase de actividades gratuítas previa inscrición en cada un dos centros expositivos e están adaptadas aos distintos niveles educativos.

A información completa de toda a oferta didáctica está dispoñible nas páxinas web de cada un dos centros museísticos e irase actualizando a medida que se vaian incorporando novas iniciativas de cara á totalidade do curso escolar. Os colexios interesados deberán poñerse en contacto con cada centro para tramitar as reservas.

En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago inclúe un programa de visitas comentadas que mesturan un percorrido guiado polo museo coa tradición dos contacontos. O CGAC ofrece unha programación de visitas guiadas ás exposicións temporais para estimular o interese pola creación artística contemporánea e deséñanse obradoiros didácticos específicos para complementar a visita ás mostras. Engádense, ademais, as sesións didácticas en liña para Educación Primaria Descubrindo a arte contemporánea e para Secundaria e Bacharelato Un achegamento á arte contemporánea: o CGAC e a súa colección.

A Cidade da Cultura de Galicia tamén vén de actualizar a súa oferta didáctica cun completo programa de visitas presenciais e cinco quendas horarias a elixir. As tres grandes mostras do Museo Centro Gaiás deste outono protagonizan a oferta para os centros educativos. Ademais, inclúense percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a natureza do Gaiás dispoñible durante todo o curso escolar.