O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que os museos públicos recuperaron xa o nivel de visitantes anterior á pandemia, unha mostra máis da reactivación do sector cultural. Salientouno na visita realizada, co gallo do Día Internacional dos Museos, ao Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela.
Segundo indicou o conselleiro, “de xaneiro a abril achegáronse a algún dos centros museísticos de xestión autonómica case 103.000 persoas, un 15% máis ca no mesmo período do ano pasado” e un dato coincidente co rexistrado en 2019, último ano previo á crise sanitaria que orixinou restricións no acceso a estes espazos. Para Román Rodríguez, este incremento pon de manifesto tamén “a importancia de seguir apoiando a rede museística galega para consolidar este éxito e fomentar o seu desenvolvemento”.