Os orzamentos da Xunta para 2023 reservan case 177M€ para políticas de vivenda e chan empresarial

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que os orzamentos da Xunta para 2023 reservan case 177 millóns de euros para políticas de vivenda e chan empresarial, un 10,5 % máis que este ano. O mandatario galego deu a coñecer o dato no acto de celebración da XXVII edición dos premios da Asociación de Promotores inmobiliarios de Pontevedra (Aproin), ao que asistiu acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, *ÁngelesVázquez .

Alfonso Rueda deulles o parabén aos promotores dos proxectos recoñecidos este ano: a rehabilitación do edificio da rúa Velázquez Moreno, o centro de saúde de Bouzas, o conxunto residencial de Areas ou o centro comercial Vialia, así como tamén a Aproin pola súa traxectoria e, en xeral, a todo o sector da construción e da promoción inmobiliaria pola súa contribución ao progreso da Comunidade galega: “Sigamos construíndo Galicia xuntos”, alentou.

O titular do Goberno galego incidiu no deber das Administracións na promoción dun urbanismo responsable, dunha política de vivenda integradora e dinamizadora e dunha rehabilitación que alente de nova vida o patrimonio. E lembrou que a Xunta, nese obxectivo, aprobara fai catro anos a Lei de rehabilitación, asinara a posta en marcha do Pacto social pola vivenda ou apostara por figuras como os plans básicos municipais para que ningún concello galego quedase sen plans urbanísticos.

Nesa mesma liña, os orzamentos da Xunta para o próximo ano reservan case 177 millóns de euros para políticas de vivenda e chan empresarial, un 10,5 % máis que no presente cun claro obxectivo: dotar a Galicia de 1.200 vivendas públicas máis -1.000 de nova construción e 200 de rehabilitación a cargo do programa Rexurbe-.