Os orzamentos da Xunta supoñen unha desilusión para Malpica, segundo o BNG

2 minutes read
  • A seguridade na dársena ou o apoio á olería de Buño, entre as cuestións fundamentais para o BNG e a veciñanza de Malpica, que a Xunta do PP mantén olvidadas, afirman.

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2024 supoñen, unha vez máis, unha desilusión para a Costa da Morte en xeral e, nomeadamente, para o Concello de Malpica. Así o puxeron de manifesto o deputado nacionalista, Daniel Pérez, acompañado do concelleiro, portavoz e responsable local da formación, Miguel Ángel Varela.

Afirman que neses orzamentos non hai unha aposta clara e cuantificable, por unha actuación que para o BNG é básica: a mellora da seguridade no interior da dársena de Malpica. Unha cuestión que se levou até en seis ocasións ao Parlamento Galego e outras tantas veces o PP votou en contra.

«O resultado é que 5 anos despois do accidente do Silvosa que lle costou a vida a José Ángel, o único que temos son tres posibles proxectos que a Xunta de Galiza lle remitiu á Confraría, pero que non contan con respaldo orzamentario que garanta que sexa unha realidade a medio prazo».

Por iso desde o BNG presentamos unha emenda parcial por un importe de 4 millóns de euros para a redacción do proxecto de mellora na seguridade do porto e o inicio da primeira fase.

«Veremos o que vota o PP en relación a esta emenda no pleno das parciais. Aí se verá o compromiso do Partido Popular, que conta con tres deputados da Costa da Morte no hemiciclo».

Ademais desta emenda, O BNG presenta outra partida para acometer o tan necesario saneamento integral das parroquias do concello malpicá. Desde o goberno galego destínanse partidas para obras de saneamento de concellos próximos, pero nada para Malpica. Un agravio comparativo que amosa o pouco peso do goberno local, e a incapacidade para traer investimentos para este concello.

Outro sector básico para Malpica é o oleiro de Buño. A olería de Buño pasa por momentos complicados na súa relación co goberno local. Desde o BNG consideramos fundamental apostar por esta actividade milenaria como motor económico e turístico, ao tempo que se protexe e potencia como patrimonio inmaterial da nosa zona. «Por iso presentamos unha emenda por importe de 750.000 euros destinada á promoción de Buño como Vila Oleira».

«Esperemos que o PP vote  a favor destas emendas, imprescindibles para a defensa e continuidade de sectores produtivos do Concello de Malpica e para mellorar  avida dos nosos veciños e veciñas», conclúen.