- O proxecto inclúe actuacións de distinto tipo nas rúas con maior intensidade de tráfico rodado e peonil
Este venres o alcalde, Evencio Ferrero, asinou o contrato correspondente ás obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano, adxudicadas á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 189.244 euros. No acto formal tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes. O proxecto será co-financiado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, segundo o convenio asinado no mes de marzo.
Esta actuación de mellora da seguridade viaria afectará aos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.
As actuacións corresponderán ás necesidades que haxa en cada paso de peóns, pero haberá obras que mellorarán a iluminación, a sinalización horizontal e vertical e tamén novas medidas para reducir a velocidade dos vehículos.