- O proxecto, que conta cun orzamento de 85.459,72 euros, inclúe a renovación da calzada e a instalación dunha nova rede de saneamento
O Concello de Malpica iniciou os traballos de humanización da rúa Igrexa, cos que se lle outorgará protagonismo aos peóns fronte ao tráfico rodado neste espazo que dá acceso á igrexa parroquial de San Xulián. O proxecto conta cun orzamento de 85.459,72 euros.
A intervención inclúe a retirada do mobiliario existente; a substitución do pavimento actual por unha calzada de pedra de granito e formigón; e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e abastecemento de auga.
Deste xeito, o Concello de Malpica dálle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que pretende eliminar o exceso de tránsito de vehículos na contorna desta rúa onde agora se intervén, buscando con isto “unha Malpica máis amable co medio ambiente e máis segura”, salientan desde o goberno local.