Coa esperanza de que haxa algo máis de fortuna que na primeira cita celebrada en Lleida, o equipo Yacar Racing vaise esta fin de semana a Esplús (Huesca), onde se disputa a segunda proba do CEAX Goldspeed, sendo nas categorías de monoplazas onde estará o groso dos pilotos rexistrados con Darío Calviño como principal referencia en Car Cros co novo Yacarcross Supercrosscar que tan bo rendemento ofreceu na carreira anterior, pero que por diversas circunstancias non puido materializar cun resultado mellor. Nesta ocasión non teremos a Óscar Palomo na devandita categoría, pois esta mesma fin de semana participará na primeira proba da Peugeot Rally Cup Ibérica no Rali Terras d’Aboboreira en Portugal. Ademais, contarán tamén en Car Cros con Javier Ramilo, que parte con opción de estar o podio, Daniel Remuiñán e Anxo Moñino. Do mesmo xeito que en Lleida, Roberto de Miguel e Diego Pandelo competirán en Car Cros Promoción e os novos pilotos do equipo da Universidade de Nebrija, Mario Burgueño e Diego Martínez, farano en Car Cros Júnior co ánimo de seguir evolucionando e adquirindo a experiencia necesaria para optar a unha boa clasificación. Nesta ocasión tampouco se contará con Antonio Herrerías nin Sergi Pérez en Promoción, ao estar ambos participando o sábado no Rallye Ciutat de Valls. Por último, o vixente campión Tomás Aranda e Perfecto Calviño, que xa gañou en 2017 e 2019 no circuíto Eduardo Lalana, serán os representantes da Escuadra Yacar Racing en División 1. A proba disputarase o sábado 1 e o domingo 2 de maio, celebrándose nesta segunda xornada de competición as finais que se poderán ver en directo a partir das 11:40 pola canle de Youtube da Real Federación Española de Automobilismo.
22