Os socialistas de Vimianzo plantexan a creación dun centro de interpretación para acoller os achados das Barreiras, un dos asentamentos castrexos máis importantes da Costa da Morte.
O espazo, todavía por ubicar, viría a aumentar a oferta de lugares destas características en Vimianzo, como o Castelo, un dos epicentros patrimoniais e culturais do municipio.
“Nunha das últimas campañas realizadas atopáronse moitos restos cerámicos aínda por datar, pero que lle outorgan, se cabe, máis relevancia a este lugar”, sinala a alcaldesa e candidata, Mónica Rodríguez.
O obxectivo é continuar as intervencións coa mirada posta na muralla e o seu paramento ó interior, así como a ampliación da casa de descubrimento máis recente. Un dos achados con máis entidade da última campaña fora un fragmento dunha fíbula de bronce.
Aberto á cativada
Hai xusto un ano, a finais de maio de 2022, o Castro das Barreiras daba a benvida novamente ós escolares do municipio, coa visita da rapazada das escolas infantís de Carnés, Carantoña e Castromil, un total de 87 dos máis de 300 que se achegarían ó asentamento durante todo o ano.
“Unha das prioridades para nós é facer partícipes das campañas de escavación ás novas xeracións, sen dúbida un feito importantísimo para non só difundir a nosa cultura e o noso patrimonio, senón para dar a coñecer o noso pasado ás máis pequenas e pequenos”, afirma Mónica Rodríguez.
Por iso, a intención dos socialistas é darlle continuidade a un programa que se deixara apartado da axenda municipal e “e que recuperaremos, non como un mero xesto senón como un compromiso coa sociedade vimiancesa”. Cabe lembrar que o goberno actual abriu durante este mandato, e por primeira vez, a posibilidade de que o Castro acollese visitas guiadas.